Un mural homenaxea ós sectores económicos de Valdeorras, así coma a súa tradición e cultura

Un mural homenaxea ós sectores económicos de Valdeorras, así coma a súa tradición e cultura

A asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco aposta por promover os principais sectores económicos de Valdeorras, ademais da tradición e cultura da comarca, nun mural que funcione non so coma un elemento de homenaxe aos nosos empresarios e autónomos, senón tamén coma reclamo turístico co obxectivo de que a cidadanía Elixa O Barco; que é o lema da acción.

O mural decorará a fachada lateral dunha casa localizada na rúa San Roque, no Casco Vello do Barco de Valdeorras, xunto a Praza das Airas.

O deseño é obra do artista valdeorrés Orde Caos quen mestura realismo en branco e negro con debuxo a cor para conseguir unha imaxe que evoca todos os sectores económicos da vila, a través de diferentes elementos tradicionais, e amosa a nosa cultura e patrimonio onde o Camiño de Inverno, ruta oficial a Compostela, tamén ten cabida.

A través desta acción de promoción, o CCA O Barco quere fomentar o consumo local e comarcal, e promover a nosa contorna coma lugar de ocio e turismo. Este pequeno mural funcionará coma un elemento de interese e atracción para a veciñanza pero tamén para turistas e peregrinos.

O proxecto Elixe O Barco está financiado ao 80% polo Inorde, organismo dependente da Deputación de Ourense, a través dunha subvención dirixida ás asociacións de comerciantes para accións de dinamización postas en marcha durante o ano 2022.